Sorprendido polo acordo alcanzado polo Concello de Ourense e a Deputación Provincial para trasladar o campo de fútbol de O Couto ata O Cumial. Así se encontraba onte o presidente de Clube Deportivo Ourense, Juan Pérez, quen considera que sobre esa operación eles tamén teñen moito que dicir.
-¿Que lle parece o acordo institucional para sacar o estadio do barrio do Couto?
-A miña opinión como presidente de Clube Deportivo Ourense é que estamos contentos co actual estadio. Parece ser que Concello e Deputación chegaron a un acordo, pero o certo é que ata o día de hoxe aínda non falaron directamente con nós, que tamén temos que dar a nosa opinión.
-¿Está molesto porque non teñan contado con vostedes?
-Está claro que a decisión debe ser dos políticos. Non me molesta, pero si me sorprende que tomen unha decisión sen contar cos actuais arrendatarios da instalación. Non queremos ir en contra dos proxectos de cidade, pero está claro que nos somos os primeiros implicados no tema e non temos ningunha noticia a nivel oficial.
-¿Sería unha medida prexudicial para o clube?
-En principio, si sería prexudicial. Máis que para o clube, para a masa social. Para a afección será un golpe moi duro irse do Couto. A nivel institucional, consideramos que se o campo se vai ao Cumial temos dereito a recibir unha serie de compensacións polo esforzo de irse ás aforas da cidade. Terán que compensarnos polos dereitos adquiridos dunha institución que ten 56 anos de historia.
-¿De que tipo de compensacións fala?
-O primeiro sería buscar un transporte para levar aos afeccionados. Tamén terían que mellorar os accesos e reforzar as instalacións da base.
-¿Que lle comenta o socio de toda a vida?
-A afección fala co corazón. Senten nostalxia de perder unha instalación con tanta historia.
Fuente:La Voz de Galicia.